27/9/11

O noso colexio

O noso colexio é un pouco raro, malia que iso non o priva de ser bonito. Preguntarédesvos a qué vén o de raro. Pois ben, está formado por dous edificios.  (Podedes ver as fotos de ambos na marxe esquerda deste blog). A primeira fotografía corresponde co edificio principal, que é ó seu tempo o máis grande. Nel atópanse as aulas de infantil e 1º, 2º, 3º, 4º e 6º de primaria; ademais da sala de mestres, o comedor, a biblioteca e as aulas de música, inglés e informática.
No colexio de “abaixo”, que é como lle chamamos nós, están as aulas de 5ºA, 5ºB e relixión.
Temos tamén unha aula ximnasio e unha pista cuberta, onde se levan a cabo as clases de educación física.
Antigamente, contabamos cun invernadoiro, pero xa non está en uso.
En canto ao horario, durante os meses de setembro e xuño é de xornada única. Entramos ás 9:40 e saimos ás 14:40. Mentras que o resto do ano o horario é de 9:45 a 16:10.

Os recreos son de media hora o da mañá e algo máis longo o da tarde, dependendo de cómo nos portemos no comedor. Durante este tempo, xogamos no patio, que está dividido en duas zonas. Unha é de infantil, formada por columpios, un parque e un areeiro, e o resto para primaria. O noso xogo favorito é o fútbol, pero para xogar na pista cuberta temos un horario elaborado pola mestra de educación física, de tal forma que imos rotando co resto de cursos.

Agardamos que esta entrada fora do voso interese e ata a próxima.

8/9/11

Carta de benvida

Ola a todos/as e benvidos ao blog do CEIP de Palas de Rei.
Malia que son moitos os motivos que nos levaron á creación deste recuncho na Internet, temos un fundamental: que nos coñezades.

Atopámonos no corazón de Galicia, na comarca da Ulloa. Certo é que non faltan razóns para visitar e coñecer o concello, razóns entre as que se atopan o Castelo de Pambre ou a Igrexa de Vilar de Donas. Palas é ademais parada de todos aqueles peregrinos que afrontan as derradeiras etapas do Camiño de Santiago.

Se queredes saber un pouquiño máis do pobo, convídovos a que visitedes esta páxina: http://www.palasderei.org/ 

A poboación de Palas de Rei non supera os 3700 habitantes, sendo 161 os nenos e nenas de entre 3-12 anos escolarizados no colexio. Pero quén mellor ca eles para amosárvolo máis de préto, por iso, nas vindeiras entradas, serán eles os protagonistas.

Agardamos que sexa do voso interese e lembrámosvos que a través deste blog, podédesnos achegar calquera suxerencia de mellora.

Un saúdo e ata pronto.